top of page
Buscar
Foto del escritorOs nosos Lares

Penarredonda, berce dos ascendentes de Simón Bolívar

Actualizado: 16 oct 2022


Por José Manuel Bértolo Ballesteros






Fotografía da parte posterior da casa. Acompaña o artículo de Oscar Echeverri Mejía na revista La Noche, XLIV, 21/02/1963.



A principios do século XVII vivían na casa de Penarredonda, hoxe en día desaparecida, o matrimonio formado por Marcos Jaspe de la Carra, de oficio receptor na Real Audiencia, e Inés López Montenegro, a filla maior de Nuno González e de Inés López Montenegro.


En 1622 tiña varias das aceas (muíños) do Gaiteiro en San Xurxo de Fóra, das que foi arrendador ou arrendatario.


Marcos outorgou testamento[1] o 30 de decembro de 1639 ante Francisco Pulleiro e faleceu na súa casa de Penarredonda nos primeiros días de xaneiro de 1640, sendo enterrado na igrexa de san Vicenzo de Elviña.


Inés, que padecía de gota, outorgou testamento[2] o 20 de agosto de 1673 ante Pedro Sánchez Pulleiro e un codicilo a 8 de decembro de 1676 no que, entre outras cousas, a seu fillo Pedro que aínda non lle dera a lexítima paterna nin os vínculos, lle deixa:


el lugar de Penarredonda en que he vivido y vivo con sus casas altas y bajas currales huertas y la viña de junto ellas de más de 100 cavaduras con la heredad de Pionceira y […] Y si Pedro no vuelve o no tiene descendientes legítimos los dichos bienes se partan entre los demás hermanos que quedaren al tiempo de mi fallecimiento hijos y herederos”.

Os bens propios de Inés foron taxados en 63.452 reais (a casa de Penarredonda en 9.289 reais), os bens do seu home Marcos en 11.935 reais e os bens gananciais en 12.067. A todo isto había que engadir os dotes das súas fillas, que non ían ser levadas a montón por desexo de Inés.


Tiveron sete fillos dos que nos interesan sobre todo os dous primeiros, q ue eran xemelgos:


1. Pedro Jaspe Montenegro, (a continuación)

2. María Jaspe Montenegro, (a continuación de Pedro)


Pedro Jaspe Montenegro, bautizado en Elviña o 27/11/1617, de mozo debeu ser un pouco unha bala perdida, segundo recoñece el mesmo: “yo conozco quan malhijo soy y los muchos disgustos que he causado a mis padres y despues de la muerte de mi padre jugué bebi y puté”.


Dedícase logo ao comercio con diversos países de América, pero non sempre lle saen ben os negocios pois ás veces non logra cobrar ou mesmo vender as mercadorías coas que trataba.


En abril de 1644 recibe en Cádiz unha oferta do secretario do Santo Oficio Domingo Loriga Labora, fillo de Francisco Labora e de María de Jaspe[3], para casar coa súa filla Isabel, que el declina e pon como escusa que lle falta un brazo. En realidade estaba vivindo cunha señora chamada María Cárdenas, da que naquel momento tivo un fillo. Porén ao ano seguinte mostra o desexo de volver á Coruña e tratar o casamento co secretario Loriga. Pero non veu e en xaneiro de 1647 estando en Veracruz di que quere vir a España e presentar a dita María Cárdenas “la persona a la que más en este mundo estimo”.


Nos anos seguintes os negocios seguen saíndolle mal. En 1650 estivo prisioneiro na Habana e en 1652 di que foi vítima de roubos e perdas no mar por un importe de 20.000 ducados.


Finalmente nese ano decide facer un bo negocio. “Obligado por verme tan apurado de fortuna” o 10 de agosto de 1652 casou con persoa de calidade, Luisa Martínez de Villegas, filla do capitán Lorenzo Martínez de Villegas, á que aínda lle faltaba un mes e vinte días para ter os 15 anos de idade. Recibiu de Dª Magdalena Ladrón de Guevara, a nai de Luisa, un dote de 24.000 reais, que tratou de poñelo en Sevilla. E tres meses despois de casar xa estaba de “asiento” en Caracas servindo o oficio de tesoureiro xuíz oficial da Real Facenda.


Seis anos despois recoñece que non ten fillos nin esperanza de telos, cando unha epidemia asola Venezuela e na súa facenda morren cerca de 60 persoas entre brancos e negros. É por iso que o 22 de xaneiro de 1660 escribe unha carta para que se lle envíe licenza ante escribán para testar. Sabe polo seu cuñado Jacinto Ponte Andrade que a súa nai lle quere deixar a mellora, pero el só pide que lle deixe a casa de Penarredonda por ser onde naceu.




Fotografía da pena que da nombre á casa e lugar de Penarredonda. Acompaña o artículo de Oscar Echeverri Mejía na revista La Noche, XLIV, 21/02/1963.




Un ano máis tarde recoñece que recibiu esa licenza. E anos máis tarde en 1669 pídelle a seu cuñado Jacinto que se envíe razón das armas e escudo que debe usar como fillo de Inés e Marcos.


En 1660 tamén se queixa por carta de que os ingleses están a roubar naquelas latitudes. Dicía que os ingleses e os franceses eran peores que os mouros, agás porque non facían cautivos, pois “los puertos son abiertos y sin murallas ni infantería la facilidad para invadirlos es grande. Dios nos libre de ellos”.


E en 1676 di que Venezuela é pobre, a non ser “por la fruta que se convierte en chocolate” e que come carne de vaca toda a que quere.


O 22 de xaneiro de 1660 Pedro fixo deulle plenos poderes á súa nai e a seu cuñado Jacinto de Ponte e Andrade para administrar os seus bens ante Juan Rengel de Mendoza.


Unha vez que a familia coruñesa sabe que está en boa situación económica, todos tratan de poñerse baixo o seu paraugas, pero el non se mostra receptivo, excepto coa familia máis directa, e di que os parentes “busquen cada uno como yo hago para poder vivir”. E así di que un sobriño, fillo de Juliana de Jaspe e do capitán Rebellón -aínda que este non lle axudou en nada cando estaba en España-, “alberguele y vestile y queriéndole despachar para España” e que agora se meteu relixioso da Mercede.


O capitán Francisco Marín de Narbaes, que finou en 1673, deixouno como testamentario e como herdeiros deixaba á súa irmá María, que finou en 1677, e á súa filla Josefa Marín de Narbaes, de quen foi titor ata que en 1681 a casou co seu sobriño Pedro Ponte.

Outorgou testamento o 4 de xuño de 1691 ante José Antonio Gascón, escribán de Caracas, deixando por seis anos multitude de bens (diversas facendas en Venezuela cos seus escravos e gando) ao cura Antonio Barba Figueroa, e despois deixa como herdeira á súa alma. Pero ao día seguinte e ante o mesmo escribán di que se falece dito cura pasen eses bens a seu sobriño Pedro Ponte, fillo de María Jaspe e Jacinto Ponte.


Ademais deixa todos os bens que herda en Galicia a favor de dito Pedro Ponte Jaspe, e logo aos seus fillos lexítimos, en segundo lugar a seu sobriño Marcos Escudero e terceiro á súa irmá Antonia [4]. Os sucesores habían de levar os apelidos Jaspe Montenegro e a obriga de catro misas anuais. Tamén deixaba cartos para diversas obras pías. Tamén deixou un legado de 30.000 pesos para todos os parentes ata cuarto grado, que provocou un preito entre todos os que se consideraban beneficiarios.


Pedro, que era familiar e alguacil maior do Santo Oficio, finou en Santiago de León de Caracas o 9 de xuño de 1691.


María Jaspe Montenegro, xemelga de Pedro, polo tanto bautizada en Elviña o 27 de novembro de 1617, casou en Elviña o 25 de maio de 1653 co santiagués Jacinto Ponte e Andrade, escribán da Coruña, nacido sobre 1631 fillo de Lourenzo de Ponte e Andrade e neto de Gregorio de Lavandeira e Andrade e de Catalina de Torres e Andrade[5], veciños de San Martín de Andabao (Boimorto).


María levou de dote realizada o 14 de maio de 1653 por valor de 1800 ducados, a saber, unha casa na rúa Real coruñesa, un lugar en Oza, unha viña en Sigrás e outros bens. A súa nai dicía nese documento que non ía facer ningunha mellora en fillos ou netos, agás en María.


Outorgaron testamento ela e o seu home ante Miguel Suarez Calviño [6] o 30 de marzo de 1676, no que fixeron mellora e vínculos de seus bens nomeando como primeiro sucesor a seu fillo Pedro. Logo un codicilo ante Alberto Martínez de Gándara o 3 de decembro de 1680.


María foi sepultada na igrexa coruñesa de Santiago o 18 de xaneiro de 1681 e Jacinto casou de novo o 28 de decembro de 1682 con Matilde Quiroga, viúva de Andrés Andrade Espantoso, curmán de Jacinto. Faleceu Jacinto o 29 de xaneiro de 1704 (Igrexa de Santiago. A Coruña). E en 1708 fixose a partilla dos bens de Jacinto e María ante Juan García de Casal. Tiveron catro fillos, dos que nos interesa Pedro:


Pedro Ponte Jaspe, que por segunda vez marchou para Caracas o 31 de xaneiro de 1678, casou na catedral caraqueña o 16 de novembro de 1681 con Josefina Marín de Narvaez [7] tendo por padriños ao capitán Juan Martínez de Villegas e a súa filla Cecilia Margarita de Silva.


Herdou do seu tío Pedro Jaspe Montenegro. En 1701 pediulle a seu pai os froitos que lle correspondían por parte de nai desde que ela morrera, é dicir, desde 1681.


Foi rexedor en Caracas e de viúvo fíxose cura. Faleceu o 1 de marzo de 1716 con testamento o día anterior ante Nicolás Bartolomé Cedillo, nomeando por herdeiros a seus fillos.


No testamento di que cando casou non tiña caudal, pero a súa muller tiña varias casas en Caracas e unha explotación de cacao no Val de Morón (Nirgua) e outra no val de San Nicolás (Barquisimeto), ambas con escravos, e que lle foron entregadas ao casar.


Tamén di que seu tío Pedro Jaspe lle deixou por testamento 30.000 pesos, pero a súa muller puxo preito contra Pedro Jaspe xa que fora o seu titor. Foi o seu testamentario Antonio Barba Figueroa quen chegou a un acordo polo que lle entregou 87.000 pesos, nos que ían incluídos os 30.000 do legado. Esa cantidade foi entregada en bens:


- Un “trapiche” de caña doce cos seus escravos no Val da Vitoria.

- As casas principais en que vive.

- Outras casas en Caracas e na Guaira.

- Un fato de gando maior e escravos en Los Llanos.


Por outra banda, el mercara, despois da morte da súa muller, dúas plantacións de cacao, terras, un fato de gando maior, varias casas en Caracas, etc. E na Coruña tiña os bens de vínculo.


No momento en que outorga testamento tiña no porto un cargamento de cacao para mandar a España e xa mandara outros a Canarias, que aínda non cobrara.


Nomea a seu maior Pedro Domingo sucesor nos vínculos e en diversos padroados de confrarías. A Pedro e a José mellóraos con 10.000 árbores de cacao e a Petronila e a Eusebía con outros 5.000.


Manda 300 pesos para a imaxe da Virxe do Bon suceso do hospital da Coruña, que acordara coa súa muller.


Os seus fillos foron cinco: Pedro Domingo (27/2/1683), clérigo; Jacinta (30/6/1688), que foi monxa en Caracas; José (28/3/1691-1735); Mª Eusebia (14-8-1692), que casou con Mateo Xelde e Gamis; e Petronila.


Petronila, bautizada o 6 de maio de 1684, casou con Juan Bolívar Villegas. Recibiu do seu pai en dote a lexítima materna, 420 pesos en prata e a metade dunha explotación de cacao no Val de San Nicolás. Seu pai en testamento deixoulle entre outras cousa catro escravas.


Petronila fixo testamento ante Francisco Reina o 25 de xullo de 1736, en que nomea como fillos a Martín e a Juan Vicente, aínda que tamén tivo a Josefa, Luisa, Paula (relixiosa), Petronila e María.


O seu fillo Martín Bolivar, finou sen sucesión e con testamento o 2 de agosto de 1737 ante Fernando Gascón, cura e xuíz eclesiástico de Aragua e Maracay, no que nomeou como sucesor a seu irmán a Juan Vicente Bolivar Jaspe, nacido o 15 de outubro de 1726 en Nª Sraª Guadalupe de la Victoria, que casou en 1773 con Mª de la Concepción Palacios e que foi o pai de Simón Bolívar [8].



 

Notas

[1] Arquivo R. Chancelería de Valladolid, Executorias, 3477,32 [2] ARG.RA 10982/50 (Arquivo do Reino de Galicia. Real Audiencia). [3] Ver: Bértolo Ballesteros, J.M.- Ferro Pego, L. (2018) A saga dos Loriga, rev. Nalgures, páx. 109-156 [4] ARG. RA 10469/35 [5] Barthelemy está equivocado cando di que Jacinto é fillo do cóengo Juan Rodríguez Ponte. (BARTHELEMY, R, (2004) Ascendencia gallega de Bolivar, Edicións do Castro). [6] Arquivo Notarial da Coruña (conservación deficiente) [7] Josefina escribe o seu apelido como “Narbaes”, pero no resto da carta datada o 25 de outubro de 1683, na que felicita á seu sogro polo novo matrimonio, vese que escribe con seseo (ARG.RA 10982/50). [8] ARG.RA. 10469/35. Juan Vicente Bolivar disputou contra Jacinto Pardo Romero polo vínculo do seu avó Pedro Ponte Jaspe, que o herdara de seu tío Pedro Jaspe Montenegro.


98 visualizaciones0 comentarios

Entradas recientes

Ver todo

Comments


bottom of page